Análise Forense de Imaxes
Estudo da autenticidade, a orixe e a información contida en imaxes para a investigación e a práctica pericial.

A fotografía de evidencias é un dos traballos máis habituais na investigación forense.
Podemos definir a análise forense de imaxes como a ciencia que comprende o conxunto de habilidades científicas e técnicas para a análise e a investigación da evidencia fotográfica (tanto en formato dixital como fotoquímico), interpretando e determinando a súa orixe e autoría, a relación entre unha imaxe e a cámara coa que se tomou, así como a autenticidade da propia imaxe, a ausencia de manipulación e, polo tanto, o seu valor probatorio.
Un reto para os profesionais forenses
A análise forense de imaxes constitúe un dos maiores retos da peritación tecnolóxica debido á ausencia de protocolos estandarizados, á escaseza e ineficacia das ferramentas de software e ao descoñecemento xeneralizado dos principios científicos e tecnolóxicos da formación da imaxe dixital. Isto, lonxe de ser unha visión pesimista, demostra que nos atopamos ante unha oportunidade fascinante para a comunidade científica. Proba diso son os numerosos estudos sobre análise de imaxe, que medran exponencialmente ano tras ano e establecen a base teórica sobre a que se sustentarán os novos métodos de análise.
Gran parte da falta de métodos débese a que, na actualidade, a análise forense de imaxes se inclúe no campo da informática forense, tratando a imaxe como unha evidencia dixital, e en certo modo así é, pero a peritaxe de imaxes dixitais precisa dunha análise que vaia máis alá das propias cualidades informáticas dos arquivos. Require un estudo holístico que contemple todo o amplo espectro tecnolóxico no que se sustenta a fotografía: a óptica xeométrica e ondulatoria, o estudo dos elementos de hardware dos sensores CCD e CMOS, os cálculos de interpolación colorimétrica, a conversión do sinal analóxico do sensor en imaxes dixitais Raster RGB, os sistemas de compresión, os artefactos visuais, a fotogrametría, etc. Só deste xeito poderemos superar os novos retos aos que se enfronta esta nova era da información descentralizada.
Os obxectivos da práctica pericial de imaxes consisten en establecer un método científico que permita precisar as causas e a súa orixe, facilitando a súa comprensión e análise ás autoridades xudiciais coas máximas garantías.
Podemos establecer tres grupos de obxectivos na análise forense de imaxes:
- Autenticación e orixe da imaxe —o termo anglosaxón que se impón nesta modalidade de análise é “camera balistic”—
- Obter información tanto do arquivo informático como da propia imaxe.
- Preservar as evidencias e presentalas coas máximas garantías, respectando en todo momento a cadea de custodia.
Garantía metodolóxica
A obtención de evidencias dixitais segundo as directrices para a identificación, recollida, adquisición e preservación de evidencias electrónicas descritas na norma ISO/IEC 27037:2016. Segundo esta norma, recoméndase a creación dunha imaxe forense da memoria do dispositivo onde se atope a información relevante. Unha análise posterior desta memoria permite obter mesmo datos borrados de forma accidental ou intencionada.
Con base nos resultados obtidos e na súa valoración previa de cada caso, realizarase un informe claro e conciso que documente todas as evidencias e análises periciais realizadas para conseguir unha proba xurídica coas máximas garantías que demostre a valoración do traballo. O informe redactarase seguindo a norma UNE 197010:2015 e aproveitando toda a experiencia acumulada polos nosos peritos, achegando así as máximas garantías dentro do posible procedemento xudicial.
Obxectivos da análise forense de imaxes
A análise forense de imaxes ofrece un amplo abano de posibilidades á hora de estudar a evidencia fotográfica. Entre as súas funcións principais destacan:
Identificación e clasificación das evidencias.
- Clonación de medios de almacenamento.
- Custodia dixital codificada.
- Verificación da non manipulación de calquera imaxe fotográfica e de vídeo.
- Analizar a integridade da imaxe: detección de clonacións, fotomontaxes, artefactos de imaxe, etc.
Obtención de información.
- Toma de medidas precisas: análise fotogramétrica, ortofotografías.
- Identificación de persoas: análise biométrica.
- Obtención de datos ocultos: esteganografía.
- Análise de metadatos: información do Sistema Operativo, metadatos e-mail, estudo de luces e sombras.
Mellora da imaxe.
- Eliminación de desenfoques e efectos de movemento: técnicas de convolución, axuste de niveis, etc.
- Eliminación de tramas e texturas: cálculo da transformada de Fourier.
Vincular de forma inequívoca a fonte da imaxe.
- Determinar a orixe e autoría da imaxe.
- Análise de metadatos e análise lóxica e binaria do ficheiro.
- Verificación da non manipulación de calquera imaxe fotográfica ou de vídeo
- Análise de artefactos.