Galego

Máis alá da imaxe: a infraestrutura que sustenta o abuso con IA

Unha lectura do estudo de Morgan, Farid e Nightingale sobre imaxes íntimas sintéticas non consentidas e unha proposta para debater como documentar a infraestrutura web con rigor.

Esquema dos servizos e tecnoloxías que rodean unha publicación web.
Esquema conceptual AEICF: servizos e tecnoloxías que interveñen nunha publicación web. Non representa un sitio concreto.

Lectura e debate · AEICF

Unha imaxe manipulada pode ser o punto de partida dunha investigación. Pero a súa circulación depende dunha rede de servizos que permite publicar unha páxina, mantela accesible, atopala e obter ingresos. Examinar esa rede suscita preguntas relevantes para quen traballamos coa imaxe científica e forense: que podemos observar?, como deixamos constancia diso? e ata onde permite chegar esa evidencia?

Sarah Morgan, Hany Farid e Sophie J. Nightingale abordan esta perspectiva en The Backbone of Abuse: How Infrastructure Providers Enable the Proliferation of AI-Generated Non-Consensual Intimate Imagery, publicado o 30 de Setembro de 2026 en Journal of Online Trust and Safety. O seu obxecto son as imaxes íntimas sintéticas non consentidas, unha forma de abuso na que a manipulación da imaxe non fai menos real o dano á persoa representada.

Que estudaron e que atoparon

Entre o 5 de febreiro e o 19 de Marzo de 2026, o equipo revisou manualmente 400 sitios candidatos. Identificou 88 co contido estudado; 38 deles estaban dedicados integramente a el. A selección partiu de alertas e directorios e ampliouse con ferramentas de dominios similares. Centrouse en representacións de persoas famosas e utilizou indicios do sitio e do contido para a súa clasificación. O carácter non consentido apoiouse nunha presunción razoada sobre esas persoas, non nunha verificación individual do seu consentimento.

De 400 sitios candidatos revisados, o estudo identificou 88 con imaxes íntimas sintéticas non consentidas; 38 deses 88 estaban dedicados integramente a ese contido. Recollida do 5 de febreiro ao 19 de Marzo de 2026.
Visualización propia dos recontos de Morgan, Farid e Nightingale (2026), sección 3, páxinas 5–8. Os 38 sitios son un subconxunto dos 88. Non representa unha estimación da prevalencia en Internet.

Os autores examinaron nove compoñentes: aloxamento, redes de distribución de contido (CDN), DNS, rexistro de dominios, certificados SSL, xestores de contido, analítica, correo e publicidade. A súa análise identifica unha concentración de deteccións en determinados provedores e tecnoloxías. A figura 1 e o apéndice A do artigo detallan os recontos e as bases utilizadas para cada servizo.

Tres claves para interpretar os resultados

A mostra non equivale ao conxunto de Internet

Estamos ante un estudo exploratorio, cun procedemento de busca e un período de observación definidos. A selección por dominios similares pode introducir nesgos; tampouco permite trasladar sen máis os resultados a persoas sen presenza pública, espazos privados ou sitios non localizados. A súa achega consiste en describir e facer visible unha parte do ecosistema, non en ofrecer un censo universal.

Unha porcentaxe necesita o seu denominador

Na categoría que o artigo denomina aloxamento, Cloudflare aparece en 64 das 105 identificacións de provedor: aproximadamente un 61 %. Esa base de 105 non é o número de sitios. Un sitio pode utilizar varios servizos da mesma categoría, e noutras categorías hai información que non se puido identificar. Presentar todas as proporcións como porcentaxes dos 88 sitios cambiaría o significado dos resultados. Véxanse a sección 4.1, a figura 1 e a táboa 1 do apéndice.

Atopar un dominio coñecido non mide a exposición cotiá

Os investigadores localizaron 82 dos 88 sitios nas dúas primeiras páxinas de resultados de Google. Fixérono mediante buscas construídas a partir de dominios que xa coñecían, chegando a introducir o seu URL completo. O resultado informa sobre a súa localización con ese protocolo; non mide a probabilidade de que unha persoa atope ese contido mediante unha busca xenérica. O procedemento e os seus pasos explícanse na sección 4.4, páxina 11.

Servizos, intermediarios e software: relacións diferentes

Para trasladar esta liña de traballo á documentación forense, propoñemos distinguir con precisión a función observada. Un enderezo IP público pode corresponder a un intermediario que recibe as peticións e as transmite a outro servidor. Polo tanto, detectar ese enderezo non identifica por si só onde se conserva o contido de orixe. A documentación de Cloudflare sobre DNS e proxy inverso describe esta separación entre a súa rede e o servidor de orixe.

Algo parecido ocorre cos xestores de contido. Detectar WordPress pode indicar o uso dun programa instalado nun aloxamento de terceiros. Non demostra que o sitio estea aloxado en WordPress.com. A documentación oficial de WordPress distingue expresamente o software de código aberto do servizo comercial de aloxamento.

Estas cautelas son a nosa proposta de lectura técnica do estudo. Non eliminan o interese de investigar a infraestrutura: axudan a formular relacións verificables. Cómpre separar a observación obtida da función que se lle atribúe e de calquera conclusión sobre control, coñecemento ou responsabilidade. Esta última require evidencia adicional e unha análise específica.

Que podería acompañar unha captura web

A pregunta que formulamos desde AEICF é se unha captura podería resultar máis informativa ao incorporar unha ficha da infraestrutura observada. Sería unha liña de traballo por avaliar, non un procedemento que este estudo validase para as nosas intervencións.

  • Obxecto e momento. Páxina ou recurso examinado, data, hora e zona horaria. Unha relación observada hoxe pode ter cambiado cando se volva consultar.
  • Observación conservada. Rexistro DNS, resposta HTTP, certificado presentado ou fragmento de código pertinente, xunto coa súa fonte e o método de obtención. O dato orixinal permite revisar a interpretación.
  • Función atribuída. Diferenciar rexistro do dominio, DNS, intermediación, aloxamento de orixe e software detectado. Cando a evidencia non permita resolver unha función, deixala expresamente sen determinar.
  • Alcance e alternativas. Indicar que se comprobou, que procede dunha ferramenta externa e que explicacións seguen abertas. Compartir provedor ou tecnoloxía non proba por si só que dous sitios teñan o mesmo operador.
  • Conservación e revisión. Documentar ferramentas e versións, preservar os rexistros necesarios e calcular pegadas de integridade. Unha pegada axuda a comprobar que un arquivo non cambiou; non acredita por si soa que a súa interpretación sexa correcta.

Antes de formular unha investigación habería que contrastar a reproducibilidade das observacións, o tratamento das discrepancias entre ferramentas e a información mínima necesaria. Tamén habería que definir como protexer os datos das persoas afectadas e evitar que a documentación amplifique a difusión do abuso. A utilidade do contexto técnico depende tanto do que permite explicar como dos límites que deixa claros.

Lectura orixinal e fontes

Morgan, S., Farid, H. e Nightingale, S. J. (2026). The Backbone of Abuse: How Infrastructure Providers Enable the Proliferation of AI-Generated Non-Consensual Intimate Imagery. Journal of Online Trust and Safety, 3(4). Publicado o 30 de Setembro de 2026.

As ilustracións son esquemas orixinais preparados para esta lectura. O gráfico da mostra utiliza os recontos publicados polos autores; o esquema de infraestrutura é conceptual e non representa unha investigación sobre un sitio concreto.